Salvemos Cabana chama á solidariedade co pobo de Rosia Montana

Localización de Rosia Montana, na rexión romanesa de Transilvania
Esta localidade de Romanía Occidental está afectada por un proxecto de minaría de ouro a ceo aberto por parte da empresa canadense Gabriel Resources que podería converterse no maior de Europa, e para o que sería necesario arrasar esta zona dos Cárpatos con catro enormes minas a ceo aberto que empregarían 12.000 toneladas de cianuro por ano e xerarían ao final da súa vida útil 196 millóns de toneladas de residuos tóxicos, superando amplamente as cifras de Edgewater en Corcoesto.

A oposición que desatou o proxecto baséase en parte na desastrosa experiencia da mina de ouro de Baia Mare, tamén en Romanía e operada pola australiana Esmeralda Resources, onde a rotura dunha balsa mineira no ano 2000 orixinou unha vertedura de máis de 100.000 m³ de barros con metais pesados e augas residuais cunha concentración de 126 mg. de cianuro por litro, superando en máis de 700 veces o límite permitido, e provocando unha catástrofe ambiental sen precedentes en Europa que afectou gravemente aos ríos Titza e Danubio, entre outros, e deixou temporalmente sen subministración de auga potable a dous millóns e medio de persoas. En Rosia Montana, os especialistas alertan de que se a presa de contención da balsa mineira chega a fallar, os residuos liberaríanse no río Abrud, provocando unha experiencia similar á acontecida en Baía Mare.

A INACEPTABLE ACTITUDE DE GABRIEL RESOURCES LTD.

Imaxe do entorno de Rosia Montana, nos montes Cárpatos
Se esta iniciativa mineira desenvolvida por Rosia Montana Gold Corporation (filial de Gabriel Resources), chega a desenvolverse na súa totalidade, máis de 2000 persoas serían desprazadas, centenares de fogares terán que ser demolidos e mesmo nove cemiterios haberán de ser destruídos para dar lugar ao proxecto mineiro, afectando tamén a un dos máis fértiles patrimonios de carácter histórico-cultural, pois a zona alberga un exemplo único a nivel mundial de galerías mineiras de época romana.

Dende a asociación Salvemos Cabana apoiamos as reivindicacións de todas as organizacións sociais que se están a mobilizar contra o proxecto de Rosia Montana Gold Corporation, e consideramos sinxelamente inaceptable o proceso de coacción ao que Gabriel Resources está a someter ao goberno romanés, ao que ten amenzado con demandar ata con 4.000 millóns de dólares se o proxecto non se leva a cabo.


UNHA CHAMADA Á SOLIDARIEDADE

Grupo de xóvenes na manifestación en defensa de Rosia Montana en Bucarest (setembro 2013)

Podes mostrar o teu rexeitamento aos plans de Rosia Montana Gold Corporation e Gabriel Resources dirixindo un escrito breve, conciso e respectuoso por correo electrónico ou postal ao Primeiro Ministro de Romanía, Victor Ponta, para o proxecto mineiro non sexa autorizado.

Os textos, deberán dirixirse á atención do embaixador romanés en España, Ion Vilcu, a secretariat@embajadaderumania.es ou por correo postal á Avenida de Alfonso XIII nº157, 28016 Madrid.